Badéns para Camiño da Roca

Vendo o post reivindicativo de Borja teño a obriga ética e moral de apoialo na súa petición e aproveitar a ocasión para publicar outra situación que nos está a traer a cabeza tola ós veciños de Camiño da Roca.

Fai algo máis de un par de anos viñemos a vivir para esta zona. Os primeiros días pensamos que os habitantes do lugar eran uns apaixoados dos rallies pero pronto nos decatamos que era unha práctica habitual dos catro langráns de turno que hai en tódalas cidades:

A moda baséase en tomar a suficiente velocidade dende a rotonda-1 ata a rotonda-2 como para "tirarlle do rabo" ó vehículo e espantar esgallando unha ou dúas voltas á rotonda a todo o que se poña por diante. Hai quen volve á rotonda-1 para repetir o proceso varias veces.

Semella divertido, ¿non si?. Xa non é o primeiro que acaba contra unha farola, comendo berzas aliñadas co airbag ou directamente contra outro coche aparcado preto da zona (que llo digan á miña irmá).

Penso que tanto pola seguridade da calzada, dos peatóns, dos coches aparcados nos arredores e -inda que en menor medida- pola propia seguridade dos "fitipaldis de pacotilla", sería máis que interesante a instalación duns badéns, radares ou calquera outro elemento que garanta o cumplimento da normativa de circulación na zona.

Por eso pedimos ó noso alcalde, o Sr. López Orozco, que cumpra a promesa que un día fixo dende a súa conta de Twitter e se pase pola zona para ver directamente o problema e tomar medidas antes de que pase a maiores.

Sabemos que é unha persoa que adoita a ter en conta as peticións dos veciños, que lle gusta a tecnoloxía e que segue as noticias douspuntocero da súa cidade así que ogallá non caian en saco roto estas palabras.

Actualización: O alcalde asegura a través de Twitter que os badéns xa están mercados, están esperando a que cheguen para facer a súa instalación. Que así sexa.

About the author

Óscar
has doubledaddy super powers, father of Hugo and Nico, husband of Marta, *nix user, Djangonaut and open source passionate.